Chapas
Como xogar:
Xogo de habilidade, tradicionalmente practicado en especial polos nenos. Precísase debuxar no chan un camiño en forma de serpe, con rectas e, sobre todo, curvas, duns oito centímetros de ancho e tan longo como se quixer. No camiño debúxanse zonas de peóns, areas movedizas, pontes, cárceres, zona de morte, atallos... á vontade.
Cada participante colle unha chapa dun refresco e mesmo lle introduce lama, para facela máis pesada e máis controlable. A técnica de lanzamento é similar á das bólas. Cada participante tira tres veces seguidas, sempre que non perda por guindar a chapa fóra ou por caer nalgunha das áreas de perigo.
As regras deben acordarse, tendo en conta, ademais, o camiño trazado e os obstáculos que se lle puxeron. Non obstante, parecen consensuadas as seguintes:
- Se a chapa sae fóra, chegado de novo a súa vez, o seu dono situaraa alí onde saíu a chapa para continuar o camiño.
- Se a chapa cae no cárcere ou na morte, débese empezar de novo.
- Pódese tentar pasar polos atallos, pero se a chapa sae fóra, tamén se debe comezar de novo na saída.