Peón, buxaina...

Xogos Tradicionais Galegos

Peón, buxaina...

Como xogar:

Das innumerables maneiras de xogar cos trompos, buxainas, peóns ou sevillanas, sirva a presente, susceptible de ser realizada en equipos, como exemplo. De todos xeitos, en todas as variantes deste xogo é esencial ser quen de bailar o peón, amarrando coa debida habelencia o cordel ao seu arredor (vestilo) e lanzándoo con mestría, mestría que, como é obvio, non se consegue dun día para outro.

Na modalidade que presentamos precísase un peón a maiores do número de xogadores/as que vaian participar, que ha de ser par. Ese peón sitúase nunha liña central do terreo de xogo. A cada lado, e separadas un metro ou un metro e medio, trázanse outras dúas liñas, que serán as metas dos respectivos equipos. Poden mesmo trazarse liñas laterais para delimitar o terreo por todos os lados.

Divididos os xogadores/as en dous equipos, trátase de lanzar o peón, collelo coa man e, sempre con el bailando, darlle golpes ao peón sen dono tratando de achegalo á liña de meta do equipo contrario para, finalmente, facerlle traspasar esa liña e gañar a partida.

Non é preciso respectar a vez. Só cómpre que o peón estea bailando. O máis hábil tirará máis veces. Poden establecerse consecuencias para o feito de guindar a buxaina sen dono pola liña lateral. Por outra parte, igual que sucede coas bólas, os peóns adoitan cambiar de dono como consecuencia das partidas.

Por último, o número de xogadores/as debe ser par, aínda que non é requisito imprescindible (un xogador pouco habelencioso pode encadrarse nun dos equipos sen desnivelar as forzas). En todo caso, non superior aos 4-6 xogadores/as.

Compartir:

Promoven

Consello da Cultura Galega Consello da Cultura Galega