Porca, cocha...

Xogos Tradicionais Galegos

Porca, cocha...

Como xogar:

Xogo moi estendido, utiliza practicamente os mesmos elementos que o hockey ou o golf de alta competición, aínda que debe facerse notar a súa existencia antes da popularización destes dous deportes de elite. O material necesario consiste nun pau coa forma conveniente para realizar a mesma función que os paus do golf, e na porca.

O pau, chamado cacheira, precisa dun mazarico nun dos extremos. A bóla, chamada tradicionalmente porca, elaborábase labrando cunha navalla un anaco de madeira dura que evitase que rachase con facilidade. Alén deste material, cada xogador/a escava un buratiño no chan (o nicho), dispoñendo o conxunto deles arredor dun burato moito máis grande, burato que debe defender o porqueiro. Cada participante é dono do seu nicho mentres teña a mazaroca da cacheira introducida nel.

O porqueiro, á fin director do xogo, lanza a porca ao aire e mira se cae no burato por el defendido. Se así acontece, berra:

- Hai trocos!

Todos os demais xogadores/as, en consecuencia, deben intercambiar os seus nichos. Pero, se o porqueiro consegue neste momento de intercambio de postos introducir a súa mazaroca nun dos nichos dos seus contrincantes, pasa a ocupar este posto, e quen quedou sen burato pasa a ser o porqueiro/a.

Cando a porca cae fóra do nicho central (o curral), o porqueiro tratará de introducila en calquera dos outros nichos. Neste caso, intercambia o seu posto co dono do nicho en cuestión. Nin que dicir ten que cadaquén defende o seu nicho coa súa cacheira.

Cando alguén consegue meter a porca no nicho do porqueiro, este dirá de novo:

- Dálle á porca e muda!

Prodúcese unha vez máis o rebumbio, que o porqueiro debe aproveitar para facerse dono dun nicho, da maneira que se describiu.

 

Compartir:

Promoven

Consello da Cultura Galega Consello da Cultura Galega