Puño Puñete
Como xogar:
Os participantes colocan os puños pechados, alternativamente, uns enriba dos outros. Un xogador/a deixa unha man libre, coa que vai sinalando, mentres o diálogo ten lugar, cada un dos puños apiñados (quen contesta a cada pregunta é o respectivo dono de cada puño), empezando polo de máis abaixo. Cando o diálogo remata, todos os participantes comezan a facer como que devanasen meadas coas mans, e toda clase de parvadas que provoquen que algún dos outros participantes ría. O primeiro en rir recibe un castigo, que pode ser diferente de cada vez. Por outra parte, o diálogo máis longo ten lugar entre o director/a do xogo e o dono/a do puño situado máis arriba.
Diálogo: - Que é este?
- Puño puñete.
- E este?
- Puño puñete.
- E este?
- Puño puñete.
- ...
- E este? (derradeiro puño)
- Arquiña cerrada.
- Que hai por dentro?
- Pan e fermento.
- Que hai por fóra?
- Pan e miola.
- Que dixo o rei cando marchou?
- Que devanásemos sete meadas
e o que primeiro rise que lle dean
sete palmadas e um muxicón.
(Todos/as) - Enviolar, enviolar,
o que ría ha de pagar.