Touporroutou
Como xogar:
Os chamados contos dialogados son sinxelos contos, vivos na tradición oral, cos que se procura, cando vai sendo posible, a participación directa do neno/a. Cando o estadio evolutivo deste/a o permite, o xogo pode acabar converténdose nun diálogo entre persoa adulta e neno/a. Cada un deles, alternándose, verbaliza, neste exemplo mínimo, unha estrofa.
Recitado: - Touporroutou,
que vou para Roma,
touporroutou,
por unha corredoira.
- Touporroutou,
¿que vas buscar?
- Touporroutou,
unha carga de sal.
- Touporroutou,
¿para que é o sal?
- Touporroutou,
para botarlles ás verzas.
- Touporroutou,
¿para que son as verzas?
- Touporroutou,
para darlles ás galiñas.
- Touporroutou,
¿para que son as galiñas?
- Touporroutou,
para poñer os ovos.
- Touporroutou,
¿para que son os ovos?
- Touporroutou,
para comelos todos.

