Xogos á beira do mar

Xogos Tradicionais Galegos

Xogos á beira do mar

Como xogar:

Na beira do mar, e no mar mesmo, pódense practicar infinidade de xogos, tradicionais algúns pero improvisados outros. Esta só é unha pequena selección de posibilidades.

Na beira do mar

Nas praias xógase coa area a modelar figuras (castelos, animais…), a facer covas cheas de auga ou tamén carreiros e fochas para as bólas.

Outro brinquedo consiste en ir choutando dun con a outro (“con” é o nome que se lles dá ás pedras de mediano ou gran tamaño nas proximidades da costa), sen tocar a auga.

Un dos pasatempos clásicos é construír un barquiño con materiais diversos (anacos de madeira, cunchas dos chocos (ou chopos), follas das árbores, papeis…) e botalo a navegar.

Algas e cunchas serven para enfeitar os castelos de area ou facer colares, pulseiras...

A praia é o mellor lugar para moitos enredos: dar pinchacarneiros, botar “pachangas” coa pelota, mergullarse na auga e pasar entre as pernas dos compañeiros, rebozarse de area, construír xoguetes cos refugallos da marea...

No verán, nenos e maiores chímpanse desde algún con, barca ou peirao de diferentes xeitos: botarse “de chupete” (de cabeza) ou “de suspiro” (aguantando baixo a auga). Nadar e mergullarse son actividades lúdicas.

No mar

As regatas de embarcacións tradicionais promovidas por diversas asociacións, e a Liga Galega de Traiñeiras son a mellor mostra actual dos xogos tradicionais no mar.

As embarcacións tradicionais eran e seguen a ser, en moitos casos, o modo de traballo dos mariñeiros/as. Hoxe en día, as persoas concienciadas da importancia deste patrimonio marítimo recuperan estas construcións para empregalas no tempo de lecer, ben por iniciativa propia ou ben a través de asociacións. Afortunadamente hai moitos apaixonados/as do mar que non deixan esmorecer esta práctica tan pracenteira.

Estes barcos empregábanse (e empréganse) principalmente na pesca de baixura. Eran feitos artesanalmente e funcionaban a remo e a vela. Algúns deles son os seguintes:

  • Dornas: propia das Rías Baixas. De orixe autóctona con posible influencia nórdica. En función do seu uso hai varios tipos: polbeira, xeiteira, carreirana, naseira ou tramalleira.
  • Gamela: típica do Sur de Galicia e Norte de Portugal. Non se coñece a súa orixe. Resistente e apta incluso en mar aberto. Dúas clases serían a curuxeira e a guardesa.
  • Buceta: moi coñecidas en todas a costa, principalmente nas Rías de Muros e Noia. Evolución da lancha aínda que de máis pequeno tamaño.
  • Racú: propia das Rías Baixas. Evolución da traiñeira e da dorna.
  • Traiñeira: barca de pesca orixinaria do Cantábrico. Despois foi empregada nas regatas, todo un acontecemento nas vilas costeiras pola súa espectacularidade. A tripulación está constituída por trece remeiros/as mais o patrón/oa.

De incorporación máis recente e influencia foránea son outros xogos e deportes náuticos: canoa e kaiak, surf e windsurf (teñen sona praias coma Doniños, Patos, As Furnas…), bodyboard, kitesurf, waterpolo…

Compartir:

Promoven

Consello da Cultura Galega Consello da Cultura Galega