Apandas, lombas, chepa...: a la una anda la mula

Xogos Tradicionais Galegos

Apandas, lombas, chepa...: a la una anda la mula

Como xogar:

Trátase dunha modalidade de apandas con movemento da que existen múltiples variantes. Márcase unha liña no chan. Un xogador/a elixido a sortes sitúa os seus pés aproximadamente a medio metro da liña e anícase apoiando as mans nos xeonllos para que os outros poidan saltar por riba del. Os demais participantes póñense en ringleira (a liña queda entre estes e o xogador/a que apanda) e van saltando por orde, cada un verbalizando unha das frases seguintes, tamén por orde, e realizando a acción que se sinala:

  1. A la una, anda la mula. Vai correndo ata a liña facendo que salta como unha mula, antes de dar o brinco definitivo.
  2. A las dos, la coz. Mentres salta, dálle un couce ao que apanda.
  3. A las tres, San Andrés. Dálle unha pequena cuada mentres salta.
  4. A las cuatro, maragato. Outra cuada.
  5. A las cinco, se da un brinco. Dá un brinco inmediatamente antes de saltar.
  6. A las seis, canto los reyes. Antes de caer ao chan, despois de pronunciar a frase, debe cantar “la, la, la...”.
  7. A las siete, tiro mi carapuchete. Ao estar no aire, tira algunha prenda (pucha, bufanda, pano...).
  8. A las ocho, como pan y bizcocho. Antes de chegar ao chan hai que facer ademán de meter algo na boca.
  9. A las nueve, ata la mula y bebe. Fai o aceno de beber.
  10. A las diez, el través. Salta de lado.
  11. A las once, pisa el bronce. Debe quedar, despois do salto, cos pés xuntos e o corpo ergueito.
  12. A las doce, no responde. Outra cuada.
  13. A las trece, plantar ajos. Deixa no lombo do que apanda, sen que caia, un pao, unha herba, unha pedriña ou algo semellante.

Aquel/a que pise a liña, perde e pasa apandar. Se alguén falla na acción que lle corresponde, perde e apanda tamén. Se (circunstancia inusual) se chega ao final da quenda sen que ninguén perda, vólvese iniciar, relevando ou non o xogador/a que apanda, segundo estea acordado.

Compartir:

Promoven

Consello da Cultura Galega Consello da Cultura Galega